O xoves actuamos no Ceip. Inmaculada de Santiago de Compostela. Tivemos que atrasar a actuación prevista para o día 22 de novembro para o xoves 28 porque Loreto tivo problemas de saúde pero, afortunadamente, puido recuperarse para a nova data elixida e tiña a voz suficientemente ben para facer as dúas funcións.
Nesta ocasión vino connosco Mónica, unha axudante excepcional, disposta ao que fixera falta para que todo saíra ben. Traballou moito axudándonos cos aparellos e incluso estaba preparada para interpretar a Clara e ao simpático ruso. Moitas gracias Mónica por ser o noso comodín!
Foron todos super amables connosco e estamos moi agradecidas polo traballo que fixo Noelia cos rapaces nas clases de música. Foi todo un pracer tocar mentres os nenos cantaban as canción que lles propuxemos na guía didáctica. As sabían todas!! O único problema foi que unha nena quedou un pouco consternada por non poder cantar a canción rusa... a verdade é que nós a tocamos moi aprisa e así non hai xeito.
O xoves foi tamén o día no que estreamos os micrófonos, a nosa máis recente adquisición, e podemos dicir que estamos moi contentas coa inversión. Soan fantásticos e así se nos escoita perfectamente aínda que os nenos se alboroten nalgunhas esceas, como na que aparece a rusa na procura do seu home.
En fin, que foi outro marabilloso día no que puidemos levar a música ata os corazóns dos nenos. Unha aperta a Noelia e a todos os demais profesores do Ceip. Inmaculada. Esperamos voltar ao voso cole co novo espectáculo!