Actuacións de Musicreques no programa “Ler conta moito”

Dentro do programa "Ler conta moito" das Bibliotecas públicas de Galicia, Musicreques ten previstas este 2015 varias actuacións:

O pasado 27 de marzo tocoulle a quenda á Biblioteca Nodal de Lugo onde representamos "As aventuras de Quebranoces" con moito éxito de público e críticas.

Este sábado, 18 de abril,  ás 12:00 estaremos no CSC de Fontiñas, levando o espectáculo do Quebranoces á Biblioteca pública José Saramago de Santiago de Compostela.

O 24 de abril viaxaremos ata Cariño onde a nosa actuación terá lugar ás 11:00 na Casa da Cultura.

O 5 de Outubro ás 18:50 "Iván e o Lobo gris" farán as delicias dos rapaces na Biblioteca de Oseiro en Arteixo.

E para rematar as actuacións nas Bibliotecas, Musicreques actuará na Biblioteca de Mugardos o 20 de outubro co espectáculo de "Iván e o Lobo gris".

Contamos convosco!


Iván e o Lobo gris en Valdoviño

O pasado 15 de xaneiro a estivemos en Valdoviño para actuar para máis de 160 rapaces de entre 3 a 7 anos do CPI de Atios. Foi moi emocionante ver a reacción dos nenos ante o espectáculo de "Iván e o Lobo gris", xa que estiveron moi atentos e participativos en tódalas escenas de monicreques e inundáronnos de gargalladas coas diapositivas. Segundo nos comentaron as profesoras, algún dos nenos pensou incluso que facíamos maxia porque os monicreques parecían ter vida propia!

Deixámosvos o enlace ao comentario da actuación da Web do Cpi de Atios:

http://www.edu.xunta.es/centros/cpiatios/?q=node/754

Moitas graxas ao CPI de Atios polas súas amables palabras, por contar connosco unha vez máis e, especialmente, grazas a Tareixa polo seu traballo na ensinanza musical.

Xa podedes ver o vídeo de Iván e o Lobo gris

Xa tedes dispoñible o vídeo de "Iván e o Lobo gris" que fixemos hai uns poucos días para que vexades como é o espectáculo. Tedes moitos xeitos de acceder a el.

En primeiro lugar podédelo atopar se pinchades na pestana de ESPECTÁCULOS, que está na parte superior do blog, e despois lle dades a ler máis..  en "Iván e o Lobo gris".

Tamén é doado de atopar en Youtube, indo directamente á nosa canle (Musicreques) ou poñendo "Iván e o Lobo gris" no buscador.

Na nosa páxina de Facebook atoparédelo na pestana de VÍDEOS.

Esperamos que vos sexa de interese e vos guste moito!

As aventuras de Quebranoces no Festival de Nadal do Concello de Vedra

A actividade de Musicreques non remata co 2014. O próximo domingo 4 de xaneiro estreamos o novo ano 2015 cunha actuación no Concello de Vedra, enmarcada no Festival de Nadal da Asociación Cultural San Campio, que terá lugar na Casa da Cultura de Miguel de Sarandón. A hora prevista da nosa actuación é sobre as 18:15. 


Haberá curtametraxes, panxoliñas, e moitas outras cousas que encantarán aos rapaciños. Quebranoces e os seus amigos van ir. Vascho perder?

Muiscreques rematou o ano 2014 na Biblioteca de Santiago de Compostela

Rematamos o ano 2014 ca actuación do pasado 20 de decembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal onde tivemos unha asistencia de 33 rapaces e 25 adultos que, segundo nos contaron as responsables da Biblioteca, o pasaron fenomenal e valoraron satisfactoriamente a actividade.

Aquí tedes unha foto da actuación dese día aparecida na páxina de facebook da Biblioteca Ánxel Casal co lema: Un bo espectáculo (aínda que na fotografía non se aprecie moito)


A próxima actuación será o día 4 de xaneiro no Concello de Vedra.