Autor: Musicreques

  • Actuación no Ceip. Conde de Fenosa

    Onte actuamos no Ceip Conde de Fenosa de Ares. Fixemos dúas sesións ás que viñeron os nenos de 4 e 5 anos de Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria. Foi una experiencia fantástica retomar a actividade de Musicreques despois da pausa do verán.

    Fixemos un grande esforzo ao facer toda a montaxe para as dúas actuacións sen as mans de Juan, quen estivo connosco en anteriores ocasións, pero pagou a pena xa que o pasamos fenomenal. Ademais tivemos moitísima axuda de Conchi, á quen estamos moi agradecidas por todo o traballo que fixo axudándonos a levar o material dende coche á sala de actuacións e dende a sala de actuacións ao coche. Tamén tivemos unha sorpresa moi agradábel ao atopar no Colexio a Teresa Frieiro, amiga nosa do Conservatorio e seguidora da nosa páxina de facebook, quen puido ver un anaquiño do concerto didáctico.


    Desgraciadamente non puidemos sacar nin fotos nin vídeo porque algúns pais non deran a súa autorización para o uso da imaxe dos rapaces, así que para que compartades connosco o máxico momento de onte, pensamos poñer neste post algún das cousas que aconteceron e algúns comentarios que ouvimos durante as actuacións.

    Na escena de Nadal un neno quedou encantado de que o irmán de Clara, entre todos os agasallos, escollera en primeiro lugar o peluche: Mira que ben, colleu o tigre!
    Na batalla entre o Rei Rato e Quebranoces, o malvado rato acabou por tirar a árbore de Nadal, co que as risas dos nenos foron espectaculares.
    Entre escena e escena os nenos aplaudían e dicían: outra! outra! outra! mentres un rapaz das primeiras filas tentaba tranquilizarlles dicindo: xa ven outra, están a cambiar o decorado..
    Segundo nos comentou Conchi, as caras dos nenos mentres nós actuábamos eran fermosas polo asombro e ilusión que amosaban.
    Unha nena, cada vez que o telón se abría, dicía: oh, que bonito!
    Coma sempre o ruso chegou aos corazóns dos rapaces coas súas ocorrencias e a serpe fíxoos tremer pensando que ía conseguir comer aos nosos protagonistas…
    Despois de todo o concerto didáctico escoitando Quebranoces por aquí, Quebranoces por alá, preguntámoslle a un rapaz quen, dos monicreques, era o seu preferido. Tras pensalo moito respostou: El de rojo. 

    Esperamos que deste xeito vos fagades unha idea do fermoso día que tivemos onte xunto cos nenos e nenas do Ceip. Conde de Fenosa.

    Por certo, cando estabamos a recoller nos decatamos de que os nosos coches eran como as teclas dun piano, un é branco e o outro negro. Xa se ve que isto da música é o noso, jajajajaja. 
  • Audios de As aventuras de Quebranoces

    Ola amigos! Este fin de semana colgamos dous mp3 de “As aventuras de Quebranoces” na páxina de facebook


    onde podedes escoitar tanto a parte de interpretación ao piano da Danza das Frautas e a Danza Rusa, como tamén anacos do diálogo que realizan os monicreques nas escenas correspondentes ao Conservatorio e Rusia. Esperamos que vos gusten! 


    Visitádenos en facebook. Xa temos 120 seguidores!
  • Un novembro cheo de concertos didácticos

    Queremos compartir con vosco a axenda que temos programada para o próximo mes de novembro.

    Emociónanos enormemente poder interpretar nese mes o noso concerto didáctico “As aventuras de Quebranoces” para, aproximadamente, uns 500 nenos de catro colexios. O primeiro será o Ceip. Conde de Fenosa da localidade de Ares, ao que iremos o día 8. O venres da semana seguinte, día 15, será a quenda de o Ceip. de Gándara-Sofán no Concello de Carballo. O 22 tócalle ao Ceip. Inmaculada-La Salle de Santiago de Compostela e, por último, remataremos as actuacións de novembro o día 29 no Ceip. O Ramo, de Barallobre, no Concello de Fene.

    Non imos parar!
  • Seguimos a nosa viaxe polos coles

    Seguimos a levar o noso Concerto didáctico de viaxe polos colexios. O próximo 29 de novembro teremos o pracer de facer a nosa representación para os nenos de o Ceip. O Ramo de Barallobre, Fene. 


    Clara e Quebranoces non queren esperar e marcharon xa para coñecer aos nenos do cole


  • Preparando outra actuación

    Lucía, a coordinadora da biblioteca do Ceip Mesón do Vento de Ordes, solicitounos a Guía didáctica de “As aventuras de Quebranoces” para preparar a actuación que próximamente Musicreques fará no seu colexio. Xa nos tarda que chegue a data!