Autor: Musicreques

  • Un conto de Musicreques para contar e para cantar

    Xa temos un conto novo en Youtube!

    “A lanchiña do flamenco” é un conto para contar do 1 ao 10 no que as crianzas poderán ademais coñecer un montón de animas da selva e cantar o pegadizo estribillo.

    Por mor da chuvia a selva está chea de auga e hai moitos animais en problemas, mais o flamenco ten unha lanchiña e vai ao seu rescate. Serán demasiados animais para esa lanchiña o caberán todos? Teredes que ver o conto ata o final para saber se son quen de chegar a terra firme sans e salvos.


    Esperamos que vos guste!


  • Musicreques celebra o día da nai

    O pasado domingo quixemos celebrar o día da nai publicando nas nosas redes un video homenaxe ás nais que están connosco e tamén as que, desafortunadamente, xa non están. Fixémolo con moitísimo agarimo empregando a letra da cantiga popular “Miña nai, miña naiciña” e a música ao piano da peza “Mamá” de P. I. Tchaikovski.

    Esperamos que vos guste.


    Aproveitamos para informarvos de que este próximo sábado tamén subiremos á nosa páxina de youtube un novo conto musical. Será o titulado “A lanchiña do flamenco” no que os rapaciños poderán aprender a contar, recoñecer animais e cantar unha canción. Non volo perdades! 


    E se non queres perder ningunha das nosas novidades…


  • O conto musical do caracol viaxeiro en Youtube

    Se aínda non estades subscritos á nosa canle de Youtube non deixedes de facelo se queredes estar ao día das nosas publicacións porque, dende o video do conto-canción de Ramona, a mosca lambona, que colgamos a principio deste mes, engadimos un conto musical máis: o conto de O caracol viaxeiro

    Nel aproveitamos para dar a coñecer aos raparigos a fauna das distintas partes do mundo, dende o deserto ata o ártico, a selva e as fragas, todo isto coa fermosa música do segundo movento (Andante) da Sonata en Do.M K 545 de Mozart. 




    As ilustracións dos fermosísimos debuxos vectoriais que aparecen no conto as atopamos  ná páxina: https://www.freepik.es/fotos-vectores-gratis, e as fotos de animais da páxina: https://pixnio.com/es/

    Por outra banda, e polo día do libro do pasado xoves, compartimos tamén nas nosas páxinas de Facebook e Instagram un simpático video que fixeron catro dos nosos pequenos seguidores (Iago, Lois, Leo e Iria) contando e recomendando o noso conto A tola de Lola. Se non coñecedes o conto non deixedes de velo!

    Esperamos que estedes todos ben e que o noso traballo vos axude a levar mellor esta difícil situación de confinamento.

  • Un novo conto para cantar e bailar

    Onte subimos ás nosas redes sociais un novo video para que a rapazada pase entretida o confinamento. Esta vez foi a quenda do conto de “Ramona, a mosca lambona”. 

    Neste divertido conto, no que a mosca Ramona come sen parar durante toda a semana moitas cousas non moi saudables, os rapaciños poden cantar e bailar connosco, ademais de rir coas cousas que fai Ramona e descubrir o sorprendente (ou non tan sorprendente) final….

    Non deixedes de velo, cantalo e bailalo… e, se vos gusta, compartilo cos vosos amigos!


    E se non queres perder ningunha das nosas novidades…

  • Novos videos de Musicreques

    Tal e como vos adiantabamos estes días, xa hai novos videos nas nosas contas de FacebookInstagram, e Youtube. Unha canción, un contacontos con música e unha escena co monicreque da bruxa Baba Iaga.

    O primero video que colgamos foi o de a Canción do pitiño. Subímolo polo día da poesía e fala de galos, galiñas e pitiños amarelos. Fixémos a canción estes días pensando en todos ese pitiños que teñen que quedar na casa por mor do coronavirus. O estribillo vai no video para que vos sexa máis doado cantalo, mais se queredes ver a letra completa do poema deixámola a continuación: 

    Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
    descasa e non teñas medo 
    que non vas estar soíño.

    No poleiro está o galo 
    de vistosa cresta vermella,
    dous agudos espolóns 
    e andares fachendosos,
    que vixía o galiñeiro 
    e o defende dos raposos.

    Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
    descasa e non teñas medo 
    que non vas estar soíño.

    xunto ao galo, a galiña, 
    de tamaño máis pequeno 
    e de plumas de cor ouro, 
    quen sentando quenta o niño
    e un ovo, que é un tesouro,
    porque dentro está o pitiño.

    Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
    descasa e non teñas medo 
    que non vas estar soíño.

    E os pitiños amarelos
    que andan a buscar o millo, 
    comen vermes é miñocas
    e mentras o galo canta…
    KIKIRIKÍ!!…🎶🎶🎶🎶
    amolan ás galiñas chocas.

    Pitiño! Pitiño! Queda calmo no niño
    descansa e non teñas medo
    que non vas estar soíño!

    Outro video que poderes ver é o do conto musicado A galiña Carmiña. Un dos contos incluídos no espectáculo Contacontos Musicais que levamos representando dende o ano 2017 pola Comunidade Autónoma de Galicia. 

    Este sinxelo conto está pensado especialmente para bebés e nenos de 3 a 6 anos, mais gusta a pequenos e maiores pola historia que conta, o uso dos monicreques e o emprego de música de piano (habitualmente en directo) para dar a atmósfera axeitada a cada escena. A peza que se escoita na maior parte do conto e a Gymnopedie nº 1 de Erik Satie.

    E para rematar, hoxe colgamos a adaptación a estes tempos de confinamento polo coronavirus do video da bruxa Baba Iaga (que fixéramos polo Samaín). A simpática bruxa manda unha mensaxe aos rapaciños que esperamos que lles divirta e entreteña.

    Por hoxe nada máis. Moito ánimo a todos, que xa queda un día menos e xuntos o conseguiremos!!

    Seguídenos nas redes!