Unha sesión do Quebranoces en familia

Onte actuamos no Concello de Cee dentro do programa "Música e teatro en familia" que se desenvolveu os sábados dende o 23 de febreiro ata o 6 de abril no auditorio Baldomero Cores.


A asistencia de público foi algo escasa, mais iso permitiunos ter unha sesión moi íntima e familiar cos bebés que viñeron ver o espectáculo de O Quebranoces.


As pompas e o avión foron das cousas que máis lles chamaron a atención aos pequerrechos, aínda que estiveron atentos e participativos durante todo o conto musical.


Foi un pracer actuar no Concello de Cee e esperamos volver pronto con outro dos nosos espectáculos. Moitas a grazas a Pablo e Víctor pola súa amabilidade para con nós. Ata a próxima!

Musicreques comeza abril con dúas actuacións na primeira semana

Neste próximo mes de abril, que en breve vai comezar, temos dúas actuacións programadas para a primeira semana.

O venres 5 remataremos o programa de colaboración co CMUS Xan Viaño visitando o CEIP de Esteiro de Ferrol, para representar os Contacontos Musicais. E o sábado 6 viaxaremos ata o Concello de Cee co noso Quebranoces para bebés. Será ás 18.00 no Auditorio Baldomero Cores dentro do programa "Música e Teatro en familia" incluída na AGADIC de 2019.


Actuacións de Musicreques no programa de colaboración co CMUS Xan Viaño

O venres 15 de marzo fixemos a sexta actuación do programa de dinamización da música e a lectura que Musicreques fai en colaboración co CMUS Xan Viaño de Ferrol. Desta vez fumos ata o Ceip. Isaac Peral onde actuamos para 130 rapaciños de Infantil que estiveron moi atentos e participativos. O próximo mes de abril remataremos o programa no Ceip. de Esteiro. 

E mentras chega esa data seguiremos a levar os nosos espectáculos a outros Concellos como o de Cee, no que representaremos O Quebranoces (espectáculo para bebés) no ciclo de "Música e Teatro en familia" de Agadic.