Actuación no Ceip A Magdalena de As Pontes

O pasado xoves 10 de abril visitamos o Ceip. A Magdalena de As Pontes de García Rodríguez para representar "As aventuras de Quebranoces", invitados pola Anpa do colexio, a quen lle queremos agradecer a súa axuda e amabilidade para con nós. 

Foi unha mañán fantástica porque os rapaces, tanto os pequenos como os maiores, estiveron moi participativos e seguiron con moita atención todo o concerto didáctico. Un dos momentos nos que os nenos se alporizaron máis foi cando tentaban avisar aos nosos protagonistas Quebranoces e Clara, das verdadeiras intencións da famenta serpe. Tamén axudaron un montón a que Quebranoces aprendera a pronunciar ben o nome de Tchaikovsky, axudaron á muller do ruso a buscar ao seu home e, no derradeiro número, alzáronse tantas mans de rapaces voluntarios para bailar o Vals das flores que non puidemos elixir só a uns poucos e todos os nenos que quixeron saíron a bailar.

En fin… que foi un día moi especial!! 

Moitas gracias a todo o colexio, a Isabel da Anpa, e á profesora de música, a quen lle queremos mandar unha aperta e prometer que para a próxima ocasión aceptaremos gustosas o café ao que tan amablemente nos invitou.

Quebranoces divertiu aos nenos do CPI de Atios

Onte á mañá Musicreques viaxou ata Valdoviño para actuar no CPI de Atios. Os nenos de 6º de E. Infantil, e os de 1º, 2º e 3º de E. Primaria acompañaron a Quebranoces e Clara nas súas divertidas aventuras por todo o mundo. Non faltaron as caras de sorpresa, gargalladas e aplausos duns nenos moi atentos e participativos durante todo o espectáculo, que resultaron ser ademais uns expertos bailaríns no momento final de bailar o Vals das Flores. Acostumados ao "baile dos namorados" que lles tiña ensinado a súa profe de música, Tareixa, sorprendéronnos a todos facéndoo realmente ben!


Grazas a Iván por facer posible o contacto entre Musicreques e o cole, á profe de música Tareixa pola súa axuda e implicación na actividade, a Daniel por vir a vernos a pesar de telo complicado, e a todo o persoal do centro pola atención e amabilidade co que nos acolleron. Ata pronto.


Imaxes da actuación no Centro Sociocultural de Bertamiráns

Onte actuamos no Centro sociocultural, de Xuventude e Terceira idade de Bertamirans para os nenos e nenas do Ceip. A Maía. Viñeron os alumnos de Educación Infantil e 1º de Primaria, para os que fixemos dúas sesións.


Houbo unha confusión cos horarios e os rapaces chegaron antes do previsto. Menudo estrés!! Afortunadamente despois marchou todo perfectamente e os nenos gozaron moito da actuación. Dixérennos os profesores que lles gustara moito o Concerto didáctico e que quedaran abraiados da atención que prestaran os pequenos de Infantil durante todo o espectáculo.

Queremos facer mención tamén a gran axuda que tivemos onte de parte de Quique, que fixo de técnico de luces e son, de fotógrafo, e manexou inmellorablemente a proxección de diapositivas. Moitas grazas, Quique!!

Aquí vos deixamos unha mostra do día de onte.







Quebranoces foi ao Ceip Gándara-Sofán

Este martes tivemos outra actuación do noso concerto didáctico "As aventuras de Quebranoces". Nesta ocasión foi para os nenos e nenas do Ceip. de Gándara-Sofán en Carballo.


Como anécdotas deste día podémosvos contar que nos perdemos e chegamos algo máis tarde do que tiñamos previsto, aunque conseguimos empezar puntuais, e que o pobre Quebranoces perdeu un dente durante a batalla co malvado Rei Rato, así que non terá máis remedio que ir ao dentista para que llo poña de novo!

Foi un pracer actuar para os rapaces do Ceip de Gándara-Sofán.