Etiqueta: GALEGA

  • CELTIC ROOTS

    Neste trimestre traballaremos en todo o colexio coa música tradicional galega. 

    Os nenos de Infantil empezáchedes cun fantástico concerto de Magín Blanco que xa sei que vos encantou.

    Agora imos retomar un tema que xa ten uns anos e que formou parte  dun proxecto educativo multidisciplinar que tivo como obxectivo afondar no coñecemento entre nenos de paises que comparten unha cultura atlántica común. 
    Neste proxecto fusionáronse a música tradicional galega e irlandesa e colaboraron nel músicos de relevancia en Galicia e no Reino Unido.

    Cando Inzilbeth cumpriu 5 anos fixémoslle como agasallo dos nenos de Educación Infantil unha danza con este tema que agora aprenderedes vos. Eles bailaron moi ben e seguro que vos o facedes aínda mellor.

    Ah, por certo, estes bailaríns aínda andan polo cole!!! COÑECEDES A ALGUÉN???





  • O CARRO


    Canción do emblemático grupo galego “Fuxan os ventos”, que se creou en Lugo no ano 1972.

    O seu compromiso coa cultura galega é patente en todas as súas obras, que levaron  por toda Europa. O repertorio inclinouse cara a música popular galega, recollendo cantigas tradicionais e incluindo temas de composición propia.
    Asumiron coas súas composicións un forte compromiso social e de reivindicación do idioma e da cultura propia do pobo galego.

    No ano 1989 o grupo deu o que supuxeron sería o seu derradeiro concerto, xa que o traballo que seguen a facer non é de cara ao público e só en contadas ocasións fan algunha actuación.

    O seguinte vídeo pertence ao espectáculo “Terra de soños” posto en escea os días 18 e 19 de outubro de 2008 no auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.




    Non canta na Chá ninguén,
    por eso, meu carro canta,
    canta o seu eixo tan ben
    que a señardade me espanta (BIS)

    Non hai canto tan fermoso,
    fino como un asubío,
    anque  as vegadas, saudoso
    faise no ar rechouchío.

    Non canta na Chá ninguén,
    por éso, meu carro canta,
    canta o seu eixo tan ben
    que a señardade me espanta.

    O meu carro é cerna dura,
    sábese carballo e freixo.
    Que fermosa  a súa feitura!
    Que lixereza a do eixo!

    As cousas vanse aledando
    por onde o meu carro pasa.
    Carrétame herba pra o gando!
    Traeme a colleita pra casa!

    Non canta na Chá ninguén,
    por éso, meu carro canta,
    canta o seu eixo tan ben
    que a señardade me espanta (BIS)


    Aquí vos deixo a partitura para que a vaiades practicando.






  • AI PEPIÑO ADIÓS!


    Canción tradicional galega moi cantada en todo tipo de festas, sobre todo nas familiares.

    Fixádevos no texto, no que hai palabras que coma sempre ocorre coas cantigas do folklore non se adaptan á normativa linguística.

    Ai Pepiño, adiós,
    ai Pepiño, adiós,
    ai Pepiño por Deus non te vaias,
    quédate con nós,
    quédate con nós,
    non te vaias afogar na praia
    como nos pasou a nós.





  • EU NON SEI

    Unha canción tradicional galega que podemos atopar titulada de dúas formas diferentes: “Eu non sei” ou “Eu non sei que pasou no muiño”. Elixide a que máis vos guste!




    Se necesitades unha axudita coa partitura clicade na fotografía


  • UNHA VELLA TIÑA UN CAN

    Aquí tedes unha nova canción do grupo MIGALLAS, “Unha vella tiña un can”. 
    Veremos a moitos animaliños circulando pola clase de música!!!

    Aquí podedes ver os personaxes que aparecen nesta canción.



    Clicade no can para aprender a letra



    Clicade no debuxo para escoitar a canción