Etiqueta: OS SOÑOS NA GAIOLA

  • O LUME NOVO

    Seguimos traballando cos poemas de Manuel María publicados no libro “Os soños na gaiola”.

    “O lume novo” lévanos a unha festa ancestral, a noite de San Xoán, que coincide co solsticio de verán.

    Esta festa é unha das máis populares en Galicia e leva asociados unha serie de rituais de caracter máxico ou supersticioso. Un deles son as fogueiras ou cacharelas que se prenden na tarde-noite do día 23 e arden mentres que os veciños comen, beben, cantan e bailan ó redor delas ou ben as saltan para quitar o meigallo.

    Tamén existía o costume de afumar o gando na noite de San Xoán para protexelo do meigallo. Para iso fan andar ó gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume, ou ben cando so queda o borrallo fan que o gando o pise.

    Manuel María neste poema recolle estes ritos. Aquí vos deixo a letra e se clicades na fogueira podedes escoitar a canción.


    Hoxe é o lume novo,
    noite de San Xoán.
    As ledas fogueiras
    acesas están! (BIS) (ESTRIBILLO)

    Que gusto, rapaces,
    saltar as fogueiras,
    dar brincos, rebrincos
    e pinchacarneiras!

            ESTRIBILLO

    Que gusto, rapaces,
    correr e saltar,
    dar brincos e pulos,
    volver a brincar.

            ESTRIBILLO

    Que gusto, que ben
    saltar as fogueiras
    coas chamas subindo,
    medrando lixeiras. 

            ESTRIBILLO

    Á mañá, o borrallo
    terase apagado.
    E sobre el despacio,
    pasará o gado!

            ESTRIBILLO

    Pasará o gado
    tripando o borrallo
    para que non o pille
    o mal do meigallo!

            ESTRIBILLO
     



  • A RODA RODA

    Manuel María no seu libro “Os soños na gaiola” quixo escribir os poemas que botou de menos cando era neno,  nel decidiu versionar un dos xogos infantís máis populares no mundo enteiro, a roda roda. 

    Clicade no debuxo para aprender a canción.


  • O CARACOL

    “O caracol” é un dos poemas de Manuel María que atopamos no seu libro “Os soños na gaiola”.

    Déixovos o poema e se clicades no debuxo do caracol escoitaredes a canción feita por Suso Vaamonde.


    Caracol, col, col;
    caracol, caracoleiro
    pon os teus cornos ó sol
    xa que eres tan frioleiro!

    Ó lombo levas a casa
    caracol, caracoleiro;
    e deixas cintas de seda
    engalanando o carreiro!

    Caracol, col, col;
    caracol, caracoleiro
    pon os teus cornos ó sol
    xa que eres tan frioleiro!

    Caracol, col, col;
    caracol, caracolón,
    pon os teus cornos ó sol
    ó sol os teus cornos pon!

    Caracol, col, col;
    caracol, caracoleiro
    pon os teus cornos ó sol
    xa que eres tan frioleiro!


    Ó lombo levas a casa
    caracol, caracoleiro;
    e deixas cintas de seda
    engalanando o carreiro!

    Caracol, col, col;
    caracol, caracoleiro
    pon os teus cornos ó sol
    xa que eres tan frioleiro!

    Caracol, col, col;
    caracol, caracolón,
    pon os teus cornos ó sol
    ó sol os teus cornos pon!

    Caracol, col, col;
    caracol, caracoleiro
    pon os teus cornos ó sol
    xa que eres tan frioleiro!