Avanzamos no novo proxecto

Ola a todos! Xa fai un mes que escribimos por última vez e non queremos que pensedes que estamos a perder o tempo.

A verdade é que estamos a adicar estas datas a preparar o material do noso novo proxecto "Iván e o lobo gris" no que interpretaremos as Danzas Eslavas de Dvorak. Se non as coñecedes, recomendámosvos que o fagades de seguido porque non teñen desperdicio. Como son danzas, son moi rítmicas e as hai de moi distinto carácter mais todas transmiten moita enerxía e son moi alegres. Con toda seguridade aos nenos lles van encantar!

O traballo sobre o decorado marcha a bo ritmo e xa temos feito o bosque, a casa de Baba Yaga,  a maceira... Os que xa víchedes  "As aventuras de Quebranoces" poderedes observar que nesta ocasión o decorado vai ser algo máis complexo. Pensamos que vai quedar moi bonito. Como exemplo vos deixamos unha foto dun anaco do bosque no que Iván vivirá moitas aventuras.

Como vos adiantamos noutras entradas anteriores do blog, no conto haberá un lobo e unha bruxa, entre outros personaxes. O que non vos imos dicir agora é cal dos dous será o malo da historia. Rematará Iván nas fauces do lobo? o será tal vez a bruxa Baba Yaga a que tente comer ao noso protagonista?. Se queredes saber o que vai pasar teredes que ver o concerto. O guión quedou moi simpático e esperamos que vos riades un montón mentres descurre a historia. 

Xa falta menos para a data de estrea!


Quebranoces divertiu aos nenos do CPI de Atios

Onte á mañá Musicreques viaxou ata Valdoviño para actuar no CPI de Atios. Os nenos de 6º de E. Infantil, e os de 1º, 2º e 3º de E. Primaria acompañaron a Quebranoces e Clara nas súas divertidas aventuras por todo o mundo. Non faltaron as caras de sorpresa, gargalladas e aplausos duns nenos moi atentos e participativos durante todo o espectáculo, que resultaron ser ademais uns expertos bailaríns no momento final de bailar o Vals das Flores. Acostumados ao "baile dos namorados" que lles tiña ensinado a súa profe de música, Tareixa, sorprendéronnos a todos facéndoo realmente ben!


Grazas a Iván por facer posible o contacto entre Musicreques e o cole, á profe de música Tareixa pola súa axuda e implicación na actividade, a Daniel por vir a vernos a pesar de telo complicado, e a todo o persoal do centro pola atención e amabilidade co que nos acolleron. Ata pronto.


Imaxes da actuación no Centro Sociocultural de Bertamiráns

Onte actuamos no Centro sociocultural, de Xuventude e Terceira idade de Bertamirans para os nenos e nenas do Ceip. A Maía. Viñeron os alumnos de Educación Infantil e 1º de Primaria, para os que fixemos dúas sesións.


Houbo unha confusión cos horarios e os rapaces chegaron antes do previsto. Menudo estrés!! Afortunadamente despois marchou todo perfectamente e os nenos gozaron moito da actuación. Dixérennos os profesores que lles gustara moito o Concerto didáctico e que quedaran abraiados da atención que prestaran os pequenos de Infantil durante todo o espectáculo.

Queremos facer mención tamén a gran axuda que tivemos onte de parte de Quique, que fixo de técnico de luces e son, de fotógrafo, e manexou inmellorablemente a proxección de diapositivas. Moitas grazas, Quique!!

Aquí vos deixamos unha mostra do día de onte.







Musicreques está de aniversario

Hoxe Musicreques fixo o seu primeiro aniversario!!
Durante este tempo, a tola aventura de formar unha Asociación sen ánimo de lucro que levase a música directamente aos rapaces nos centros educativos, levounos moito máis alá do que nun principio tiñamos pensado. A verdade é que todo empezou porque nos gustou moitísimo a experiencia de tocar nos concertos didácticos que fixemos no CMUS "Xan Viaño" de Ferrol con "O Carnaval dos animais" de Camile Saint-Saëns, e tiñamos ganas de seguir a tocar para os nenos e facelos gozar ca beleza da música. E así tomou forma este marabilloso proxecto que afortunadamente nos está a facer moi felices e que, ademais, nos permite aprender moitas cousas novas.

Ao longo destos meses case un millar de nenos puideron disfrutar de "As aventuras de Quebranoces" e pronto moitos máis escotarán a música de Tchaikovsky e os diálogos dos nosos queridos monicreques, divertíndose ca inocencia de Quebranoces, a sensatez de Clara, a alegría e enerxía do ruso, o carácter da rusa, o gran apetito da serpe, as presas do chinés e a sabedoría do dragón.

O seguinte concerto didáctico que estamos a preparar xa está en marcha e vai tomando forma. Temos elixida a música, o guión rematado, feitos algúns monicreques e parte do decorado, e estamos a traballar nas diapositivas. Esperamos que próximamente queirades disfrutar con nós a historia de "Iván e o lobo gris"