Etiqueta: AUDICIÓNS

  • O LOBO E OS TRES PORQUIÑOS



    Neste trimestre os nenos de Educación Infantil traballarán co conto “O lobo e os tres porquiños” e estou segura que van pasalo pero que moi ben.

    Empezamos coa versión do conto que fixo Disney.




    Despois de gozar co conto escoitaremos a canción que cantaremos e dramatizaremos. A aula de música converterase no bosque no que viven estes personaxes e os nenos meteránse na súa pel.




  • A CAROLINA


    “A Carolina” é unha canción tradicional galega que tocaremos coa frauta neste trimestre.

    Déixovos a partitura, a letra e uns vídeos con diferentes versións.




    A saia da Carolina,
    ten un lagarto pintado;
    cando a Carolina baila,
    o lagarto dalle ó rabo.

    Bailaches Carolina?
    Bailei, si señor!
    Dime con quen bailaches?
    Bailei co meu amor (3 veces)
    Bailaches, Carolina?
    Bailei, si señor!

    A Carolina é unha tola
    que todo fai ó revés;
    vístese pola cabeza
    e íspese polos pés.

    Bailaches Carolina?
    Bailei no cuartel!
    Dime con quen bailaches?
    Bailei co coronel (3 veces)
    Bailaches, Carolina?
    Bailei, no cuartel!

    O señor cura non baila
    porque tén unha coroa.
    Baile , señor cura, baile,
    que Dios todo llo perdoa.

    Bailaches Carolina?
    Bailei, a bo fe!
    Dime con quen bailaches?
    Bailei co meu Xosé (3 veces)
    Bailaches, Carolina?
    Bailei, a bo fe!

    No curro da Carolina
    non entra carro pechado,
    namais entra a Carolina
    co seu cocho polo rabo.

    Bailaches Carolina?
    Bailei, si señor!
    Dime con que bailaches?
    Bailei co meu amor.
    Co teu amor Carolina
    non volvas a bailar
    porque che levanta a saia
    e é moi mala de baixar.


    Aquí vos deixo a interpretación do emblemático grupo galego FUXAN OS VENTOS.



    Esta é unha versión máis moderna e canta o grupo LUAR NA LUBRE.





  • PRIMAVERA: MUSICOGRAMA

    Con este musicograma veremos as diferentes partes que ten a obra de Antonio Vivaldi.

    Dramatizaremos as diferentes situacións que se representan e gozaremos nunha primavera chea de contrastes.





  • CHEGA A PRIMAVERA!


    Xa quedan poucas horas para o esperado cambio de estación. Pasaremos do inverno á primavera, que boa falta fai porque xa estamos un pouco cansos do frio e da choiva.

    O compositor que mellor reflectiu as sensacións que se viven nas diferentes estacións do ano foi o supercoñecido e archifamoso Antonio Vivaldi, co que xa traballamos ao principio de curso cando chegou o outono.


    Lembrade que a súa obra máis famosa é “As catro estacións”.

    Meterémonos de cheo no 1º movemento da “Primavera” e gozaremos coa música de Vivaldi.

    Empezaremos vendo diferentes vídeos para familiarizarnos coa obra.








    E agora veremos unha versión rockera da obra de Vivaldi. TODOS A CANTAR E A BAILAR!




    QUE MARCHA!!!


  • A PITA PODEIRA

    Con esta canción adentrámonos en ritmos puramente galegos.

    Aprenderemos a canción e acompañarémola con instrumentos tradicionais.