O LUME NOVO

Seguimos traballando cos poemas de Manuel María publicados no libro "Os soños na gaiola".

"O lume novo" lévanos a unha festa ancestral, a noite de San Xoán, que coincide co solsticio de verán.

Esta festa é unha das máis populares en Galicia e leva asociados unha serie de rituais de caracter máxico ou supersticioso. Un deles son as fogueiras ou cacharelas que se prenden na tarde-noite do día 23 e arden mentres que os veciños comen, beben, cantan e bailan ó redor delas ou ben as saltan para quitar o meigallo.

Tamén existía o costume de afumar o gando na noite de San Xoán para protexelo do meigallo. Para iso fan andar ó gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume, ou ben cando so queda o borrallo fan que o gando o pise.

Manuel María neste poema recolle estes ritos. Aquí vos deixo a letra e se clicades na fogueira podedes escoitar a canción.


Hoxe é o lume novo,
noite de San Xoán.
As ledas fogueiras
acesas están! (BIS) (ESTRIBILLO)

Que gusto, rapaces,
saltar as fogueiras,
dar brincos, rebrincos
e pinchacarneiras!

        ESTRIBILLO

Que gusto, rapaces,
correr e saltar,
dar brincos e pulos,
volver a brincar.

        ESTRIBILLO

Que gusto, que ben
saltar as fogueiras
coas chamas subindo,
medrando lixeiras. 

        ESTRIBILLO

Á mañá, o borrallo
terase apagado.
E sobre el despacio,
pasará o gado!

        ESTRIBILLO

Pasará o gado
tripando o borrallo
para que non o pille
o mal do meigallo!

        ESTRIBILLO
 



RODARIRRODARI



O día 4 de marzo os alumnos de 1º e 2º asistiredes a un espectáculo musical moi divertido titulado "Rodarirrodari".

Contarannos a historia do tranvía Leonardo que facía o traxecto Pontevedra-Marín. Agora o tranvía está nun museo en Lisboa e alí namórase dun bonito tranvía eléctrico que pasa por diante do edificio...



Aquí tedes algunhas fotos de tranvías, dende os máis antigos ata os modernos.






Escoitaremos diferentes cancións, algunhas delas moi coñecidas, o que pasa é que cambiará a letra para adaptarse á historia que nos queren contar. 

Déixovos unha pequena mostra dalgunhas delas.



E para rematar imos repasar as normas que debemos cumprir para asistir a un concerto!