Musicreques en Narón

O pasado xoves 14 de maio, Musicreques desprazouse ata o concello de Narón, para visitar ao CEIP Virxe do Mar. Os rapaces e rapazas do cole, dende infantil ata 6 de primaria, gozaron das peripecias de Ivan o Lobo Gris na súa viaxe polo bosque encantado, quedando abraiados pola maxia da malvada bruxa Baba Yagá e a maravillosa música de Antonín Dvorak.

Foi todo un pracer compartir co CEIP Virxe do Mar o noso proxecto, e unha vez máis poder saborear o seu froito, no rostro de ledicia dos nenos.


Iván e o Lobo gris en Valdoviño

O pasado 15 de xaneiro a estivemos en Valdoviño para actuar para máis de 160 rapaces de entre 3 a 7 anos do CPI de Atios. Foi moi emocionante ver a reacción dos nenos ante o espectáculo de "Iván e o Lobo gris", xa que estiveron moi atentos e participativos en tódalas escenas de monicreques e inundáronnos de gargalladas coas diapositivas. Segundo nos comentaron as profesoras, algún dos nenos pensou incluso que facíamos maxia porque os monicreques parecían ter vida propia!

Deixámosvos o enlace ao comentario da actuación da Web do Cpi de Atios:

http://www.edu.xunta.es/centros/cpiatios/?q=node/754

Moitas graxas ao CPI de Atios polas súas amables palabras, por contar connosco unha vez máis e, especialmente, grazas a Tareixa polo seu traballo na ensinanza musical.

Musicreques leva a Iván ao Ceip de Andrade

Tras a exitosa estrea da semana pasada no Couceiro Freijomil... arranca a xira musical de "Iván e o Lobo gris"



A primeira parada dos nosos monicreques nesta nova andaina que comezan, foi o pasado luns no CEIP de Andrade, un cole xa coñecido por Musicreques no que sempre nos sentimos moi ben acollidas. 

Ao espectáculo asistiron todos os nenos do cole, tanto os de Educación Infantil como os de Primaria, e pasárono xenial coas aventuras dos nosos protagonistas. Os nenos acompañaron as danzas eslavas de Dvorak con palmas e gargalladas a esguello, e ata rematamos o espectáculo cantando todos xuntos a fermosa canción baseada no tema da Danza Eslava nº 1 incluída na nosa Guía Didáctica. Foi un final moi fermoso e emocionante!

Noraboa a profe de música Isabel por ser quen de achegar a música aos pequenos con tanta ilusión, e grazas a todo o cole de Andrade por tratarnos sempre cun agarimo tan especial. 





Celebramos o Día das Letras Galegas no Ceip. Mesón do Vento

Os nenos e nenas do CEIP Mesón do Vento celebraron o pasado venres 16 de maio o Día das Letras Galegas e o fixeron disfrutando das "Aventuras de Quebranoces".



Alí, coñecimos ás profes Lucía e Ana que nos acolleron con moito agarimo e nos axudaron na montaxe do noso equipo e na colocación da pantalla das diapositivas. Unha vez todo preparado... comezou a función!

Os nenos, tanto os pequeniños de Educación Infantil coma os de Primaria, estiveron moi atentos ás ocurrencias de Quebranoces e a súa panda de monicreques: participaron nos feitizos máxicos da Fada de Azucre, animaron con enerxía a Quebranoces para que subira á muralla chinesa, avisaron do perigo da famenta serpe do deserto e ata lle ensinaron a Quebranoces como se dicía correctamente o nome do compositor ruso Chai-kovs-ky!!, autor da fermosa música que escoitaron, bailaron e acompañaron con palmas durante o espectáculo.

Sentímonos moi a gusto traballando neste cole tan acolledor, e moi ilusionadas por formar parte na súa celebración do Día das Letras Galegas, unha festa tan importante para a nosa cultura galega.

Musicreques actuou de novo no Ceip. San Marcos

Fixádevos que casualidades ten a vida...

Fai pouco máis dun ano, o 16 de abril do 2013 estreábamos "As aventuras de Quebranoces" no Ceip. San Marcos de Abegondo e comezaba a nosa andaina de difundir a música clásica tocando o piano e facendo teatro de monicreques. E aquí nos tedes, un ano máis tarde, repetindo a visita ao Ceip. San Marcos co mesmo concerto didáctico, para que os nenos de Infantil e 1º de Primaria, que non puideron velo naquela ocasión, o disfrutaran nesta.

Tras nós, durante estes meses, quedan moitas visitas a outros coles como os de: Ceip. A Magdalena (As Pontes de García Rodríguez), Ceip. A Maía (Bertamiráns), Ceip. Conde de Fenosa (Ares), Ceip. Couceiro Freijomil (Pontedeume), Ceip de Andrade (Pontedeume), Cpi. de Atios (Valdoviño), Ceip. Gándara-Sofán (Carballo), Ceip. Inmaculada (Santiago de Compostela), Ceip. O Ramo (Barallobre, Fene), e tamén moitos momentos de ledicia, emoción e tenrura cos rapaces. Non obstante, Abegondo e o Ceip. San Marcos sempre terán un oco especial nos nosos corazóns. 

Queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Abegondo por contar con nós no programa  "Ler conta moito" e, especialmente agradecer a Mar o seu traballo e a súa amabilidade para con nós. Esperamos voltar pronto e poder mostravos o novo espectáculo "Iván e o lobo gris"!