O LUME NOVO

Seguimos traballando cos poemas de Manuel María publicados no libro "Os soños na gaiola".

"O lume novo" lévanos a unha festa ancestral, a noite de San Xoán, que coincide co solsticio de verán.

Esta festa é unha das máis populares en Galicia e leva asociados unha serie de rituais de caracter máxico ou supersticioso. Un deles son as fogueiras ou cacharelas que se prenden na tarde-noite do día 23 e arden mentres que os veciños comen, beben, cantan e bailan ó redor delas ou ben as saltan para quitar o meigallo.

Tamén existía o costume de afumar o gando na noite de San Xoán para protexelo do meigallo. Para iso fan andar ó gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume, ou ben cando so queda o borrallo fan que o gando o pise.

Manuel María neste poema recolle estes ritos. Aquí vos deixo a letra e se clicades na fogueira podedes escoitar a canción.


Hoxe é o lume novo,
noite de San Xoán.
As ledas fogueiras
acesas están! (BIS) (ESTRIBILLO)

Que gusto, rapaces,
saltar as fogueiras,
dar brincos, rebrincos
e pinchacarneiras!

        ESTRIBILLO

Que gusto, rapaces,
correr e saltar,
dar brincos e pulos,
volver a brincar.

        ESTRIBILLO

Que gusto, que ben
saltar as fogueiras
coas chamas subindo,
medrando lixeiras. 

        ESTRIBILLO

Á mañá, o borrallo
terase apagado.
E sobre el despacio,
pasará o gado!

        ESTRIBILLO

Pasará o gado
tripando o borrallo
para que non o pille
o mal do meigallo!

        ESTRIBILLO
 






Los comentarios están cerrados.