Autor: Musicreques

  • Presentamos “Iván e o Lobo gris”

    Ola a todos! A ninguén lle gusta que rematen as vacacións, así que a mellor forma de empezar setembro é facendo algo que nos faga felices, e a nós alégranos moito poder presentarvos hoxe o espectáculo de “Iván e o Lobo gris”.

    Xa temos todo listo: a música, os monicreques, o decorado, a guía didáctica e, por suposto, a páxina na que podedes atopar toda a información sobre este novo concerto didáctico. Podedes acceder a ela dende a pestana de “ESPECTÁCULOS” do blog ou pinchando neste enlace: Iván e o Lobo gris


    Por se non vos lembrades do que comentamos sobre Iván faremos aquí un pequeno resumo. 

    En primeiro lugar eliximos a música… e custounos moito porque tiñamos en mente moitas opcións marabillosas. Finalmente decidímonos polas Danzas eslavas de A. Dvorak porque é unha música moi fermosa e con moitísima enerxía que con toda seguridade lles vai gustar moito aos nenos.

    Despois pensamos en buscar un conto que tivera relación cos ritmos eslavos das Danzas que vai a escoitar o público. Limos moito na web e rematamos por coñecer a A. Afanasiev, un folclorista de orixe ruso que se adicou a recompilar contos de tradición eslava. Entre todos os contos que lemos había algúns personaxes que nos gustaron especialmente e que poderedes ver no espectáculo: Iván, o Lobo gris, o paxaro de fogo, a ra, e Baba Yaga. Non deixedes de visitar a páxina:
    e ler algún dos contos recompilados por Afanasiev. Seguro que vos van gustar!

    Igual que fixemos en “As aventuras de Quebranoces” preparamos unhas diapositivas para que os nenos vexan mentres escoitan a música e que fan que o conto continúe entre as escenas que acontecen no teatrillo de monicreques. Ensinámosvos unha delas para que podades ver os bonitos debuxos das diapositivas.


    Espero que vos guste o espectáculo de Iván e que gocedes con el tanto como o facemos nós.




  • Ultimas actuacións antes do verán

    O venres 20 despedimos a nosa actividade antes de comezar as vacación de verán con dous concertos didácticos en dous extremos da provincia da Coruña. Pola mañán visitamos o Ceip de Frions en Santa Uxía de Ribeira invitados pola Anpa do cole, de quen tivemos una gran axuda con todos os nosos trebellos. Pola tarde subimos ata a Biblioteca municipal de A Capela onde tiñamos unha actuación dentro do programa de animación á lectura “Ler conta moito” das Bibliotecas Públicas de Galicia. Deixámosvos aquí o enlace ao seu blog onde aparece a reseña da nosa actuación. Foi un día moi intenso e moi divertido!

    Con estas dúas representacións de “As aventuras de Quebranoces” despedimos, xunto cos rapaces de Frions e A Capela, o intenso curso escolar e comezamos as vacación estivais. Voltaremos á actividade en setembro. 

    Actuación na Biblioteca de A Capela

    Lembrade que para o próximo curso poñeremos en marcha o novo espectáculo de “Iván e o lobo gris”, unha fantástica historia de lobos, bruxas e maxia, na que poderedes acompañar a Iván na desesperada procura dun misterioso ladrón ao que terá que atopar…. se non quere que lle corten a cabeza! E todo iso cos nosos fermosos monicreques e a xenialidade e enerxía da música das Danzas eslavas de Antonín Dvorák.

  • O día 20 estaremos en Ribeira e A Capela

    De hoxe nunha semana, o venres 20 de xuño, percorreremos de sur a norte a provincia de a Coruña para levar o noso espectáculo dende Ribeira, onde actuaremos para os nenos e nenas de o Ceip. de Frións, ata a Biblioteca Municipal de A Capela, na que representaremos “As aventuras de Quebranoces” dentro do programa “Ler conta moito”.
    Fainos moita ilusión que os nenos poidan despedir o curso escolar e comezar as súas vacacións estivais gozando ca música e o teatro.



  • Celebramos o Día das Letras Galegas no Ceip. Mesón do Vento

    Os nenos e nenas do CEIP Mesón do Vento celebraron o pasado venres 16 de maio o Día das Letras Galegas e o fixeron disfrutando das “Aventuras de Quebranoces”.



    Alí, coñecimos ás profes Lucía e Ana que nos acolleron con moito agarimo e nos axudaron na montaxe do noso equipo e na colocación da pantalla das diapositivas. Unha vez todo preparado… comezou a función!

    Os nenos, tanto os pequeniños de Educación Infantil coma os de Primaria, estiveron moi atentos ás ocurrencias de Quebranoces e a súa panda de monicreques: participaron nos feitizos máxicos da Fada de Azucre, animaron con enerxía a Quebranoces para que subira á muralla chinesa, avisaron do perigo da famenta serpe do deserto e ata lle ensinaron a Quebranoces como se dicía correctamente o nome do compositor ruso Chai-kovs-ky!!, autor da fermosa música que escoitaron, bailaron e acompañaron con palmas durante o espectáculo.

    Sentímonos moi a gusto traballando neste cole tan acolledor, e moi ilusionadas por formar parte na súa celebración do Día das Letras Galegas, unha festa tan importante para a nosa cultura galega.
  • Musicreques foi a Ribadeo con Quebranoces e os seus amigos

    O pasado sábado visitamos a Biblioteca Municipal “El viejo Pancho” de Ribadeo. 

    A Biblioteca, situada nun vello e precioso edificio, tomou o nome do escritor local José María Alonso Trelles y Jarén (1857-1924) quen empregaba o pseudónimo de “El viejo Pancho” nas súas obras. É pequena pero moi acolledora e puidemos montar todos os nosos trebellos para a actuación sen moitos problemas. Ademais tivemos unha grande axuda por parte de Verónica, do Concello de Ribadeo, que estivo con nós todo o tempo axudándonos ca loxística.

    Para o concerto viñeron moitos pais e nais con rapaciños de diferentes idades, moitos deles pequeniños, que se portaron fantásticamente ben estando moi atentos e participativos. A actuación saíu moi ben e todos gozaron ca música e as trapalladas dos monicreques. Fíxonos moita gracia que un dos chistes que tiveron especialmente boa acollida foi, coma non podía ser doutro xeito, a referencia á muralla de Lugo. Notouse que estabamos na provincia lucense!

    Deixámosvos o enlace da páxina de ler conta moito onde falan da actuación e algunhas imaxes do concerto.

    http://blogs.xunta.es/lercontamoito/2014/05/15/as-aventuras-de-quebranoces-na-b-p-m-el-viejo-pancho-de-ribadeo/