Musicreques no Apego de Ribadeo

O pasado domingo Musicreques actuou no Concello de Ribadeo, dentro dos programas Apego e Cultura no Camiño, co espectáculo O Quebranoces para bebés. Foi un día moi divertido no que festexamos a nosa volta á actividade con un montón de rapaciños e rapaciñas ribadenses que participaron moi activamente durante todo o conto musical.


A anécdota que imos compartir convosco foi que partimos de risa cando un dos pequerrechos preferiu coller o xirasol xigante que vedes na foto, cando invitamos aos pequerrechos a bailar o Vals das flores axitando un dos axóuxeres-flor (que temos preparados para ese intre da actuación). Semella que os axóuxeres non eran grandes dabondo para o bebeciño...


Musicreques xa está de volta!

E despois deste verán tan atípico no que unha intervención quirúrxica afastounos dos escenarios, Musicreques xa está por fin de volta!!! E, por suposto, voltamos con moitísimas ganas de levar a maxia da música e os monicreques aos rapaciños da nosa Comunidade Autónoma.

Os próximos meses teremos varias actuacións na provincia de A Coruña (que xa vos comentaremos), aínda que comenzamos por visitar a provincia de Lugo nun dos Concellos que temos especial agarimo, por ser dos primeiros en contar con nós para divertir aos seus pequerrechos, O Concello de Ribadeo!

Nesta primeira representación, despois da obrigada pausa do verán, estará adicada aos máis meniños, os bebés, para os que imos levar o noso espectáculo de O Quebranoces dentro do ciclo de Cultura no Camiño e o programa Apego. 


Verdade que vos apetece asistir á máxica viaxe de Quebranoces coa fantástica música de Tchaikovsky? pois non faltedes! A representación será ás 17:30 no Teatro de Ribadeo (rúa San Roque,  nº 2) entrada: 3 euros.



Musicreques en Cultura no Camiño

Musicreques participa no programa "Cultura no Camiño" de Agadic con tres espectáculos de monicreques para público infantil e familiar.

Hai dous espectáculos para nenos entre 3 e 10 anos Iván e o lobo gris e As aventuras de Quebranoces, e un espectáculo para bebés O Quebranoces. Todos eles con fermosa música de piano interpretada en directo.