Un conto de Musicreques para contar e para cantar

Xa temos un conto novo en Youtube!

"A lanchiña do flamenco" é un conto para contar do 1 ao 10 no que as crianzas poderán ademais coñecer un montón de animas da selva e cantar o pegadizo estribillo.

Por mor da chuvia a selva está chea de auga e hai moitos animais en problemas, mais o flamenco ten unha lanchiña e vai ao seu rescate. Serán demasiados animais para esa lanchiña o caberán todos? Teredes que ver o conto ata o final para saber se son quen de chegar a terra firme sans e salvos.


Esperamos que vos guste!


O conto musical do caracol viaxeiro en Youtube

Se aínda non estades subscritos á nosa canle de Youtube non deixedes de facelo se queredes estar ao día das nosas publicacións porque, dende o video do conto-canción de Ramona, a mosca lambona, que colgamos a principio deste mes, engadimos un conto musical máis: o conto de O caracol viaxeiro

Nel aproveitamos para dar a coñecer aos raparigos a fauna das distintas partes do mundo, dende o deserto ata o ártico, a selva e as fragas, todo isto coa fermosa música do segundo movento (Andante) da Sonata en Do.M K 545 de Mozart. 




As ilustracións dos fermosísimos debuxos vectoriais que aparecen no conto as atopamos  ná páxina: https://www.freepik.es/fotos-vectores-gratis, e as fotos de animais da páxina: https://pixnio.com/es/

Por outra banda, e polo día do libro do pasado xoves, compartimos tamén nas nosas páxinas de Facebook e Instagram un simpático video que fixeron catro dos nosos pequenos seguidores (Iago, Lois, Leo e Iria) contando e recomendando o noso conto A tola de Lola. Se non coñecedes o conto non deixedes de velo!

Esperamos que estedes todos ben e que o noso traballo vos axude a levar mellor esta difícil situación de confinamento.

Un novo conto para cantar e bailar

Onte subimos ás nosas redes sociais un novo video para que a rapazada pase entretida o confinamento. Esta vez foi a quenda do conto de "Ramona, a mosca lambona". 

Neste divertido conto, no que a mosca Ramona come sen parar durante toda a semana moitas cousas non moi saudables, os rapaciños poden cantar e bailar connosco, ademais de rir coas cousas que fai Ramona e descubrir o sorprendente (ou non tan sorprendente) final....

Non deixedes de velo, cantalo e bailalo... e, se vos gusta, compartilo cos vosos amigos!


E se non queres perder ningunha das nosas novidades...

Novo conto de Musicreques en Youtube

Acabamos de subir á nosa canle de Youtube o conto de "A chicharra Dora". Como tódo-los contos do espectáculo Contacontos Musicais é da nosa autoría, escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán, e está musicado tal e como o representamos no espectáculo de narración oral.


É un conto breve que vai de músicos pero non só é para músicos porque trata dun tema bastante común, a convivencia entre os veciños. Problema moi frecuente que temos os músicos profesionais, xa que temos que compaxinar o noso amor pola música e a necesidade de practicar frecuentemente, coa dificultades de vivir nunca comunidade de veciños.

Aquí está o video. Esperamos que vos guste!


O conto da chicharra é o segundo video dos contos do Contacontos Musicais. Anteriormente subimos o conto de A tola de Lola que esté a ter moi boa acollida entre os rapaciños. Se vos gustan os contos de animais ou de aqueles que fan cousas que ninguén se espera, non volo perdades!

O conto de «A tola de Lola» en Youtube

Como sabedes, o conto de » A tola de Lola» é un dos contos de Musicreques pertencente ao espectáculo de Contacontos Musicais. Témolo á venta nas librerías Áncora e Ferreiros de Pontedeume e no Bieiteiro de Abegondo. Se vos interesa e aínda non o tedes impreso en papel, podedes conseguilo nestas librerías ou tamén facernos un pedido directamente a nós xa que, se o precisades, o enviamos a domicilio.
Hoxe estamos moi contentas de poder comunicarvos que podedes tamén agora gozar do conto de Lola coa mesma música e narración oral que facemos no contacontos. O único que tedes que facer é visitar a nosa canle de Youtube ou directamente neste post. 
«A tola de Lola» é un conto orixinal de Musicreques, escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán. Trata dunha vaquiña tola que sempre está a pensar en como pode axudar, mais non sempre as súas eleccións son as mellores opcións…
Un divertido conto no que se tratan temas como o respeto aos que son diferentes, a importancia de valorar aos demais polo que fan aínda que non sempre as cousas saian como un quere, e o valor de ser quen un es maila que non sexa o que os demais esperan del.