O próximo sábado Musicreques actuará en Sada

O próximo sábado día 3 de outubro Musicreques actuará na Casa da Cultura Pintor Lloréns do Concello de Sada. O espectáculo elexido é o Contacontos Musical, co que as crianzas, ademáis de gozar dos contos, poderán cantar, bailar, aprender moitas cousas e tamén coñecer a música de Satie, Chopin, Saint Saens, Brahms e moitos compositores máis.


A cita é ás 18:30 e a entrada gratuita, máis hai que reservar entrada antes de ir porque o aforo é limitado. Non faltedes e veredes que ben o imos pasar!

E se non vos podedes achegar nesta ocasión, non vos preocupedes... porque o sábado 10 viaxaremos ata Bergondo para facer a versión para bebés do Contacontos Musical. 

Que ilusión!!!

Cara a nova normalidade con Musicreques

Agora que semella que todo vai cara a nova normalidade, alégranos poder comunicarvos que estamos a concretar datas para novas representacións. Algúns Concellos como Bergondo, Carnota, Ordes, Laracha, etc... están a contactar connosco para engadir os nosos espectáculos ás súas programacións culturais. 

Se queredes estar ao día e non perdervos ningunha das nosas novidades, non deixedes de seguir as nosas páxinas de Facebook ou Instagram.

Esperamos estar pronto de novo nos escenarios!!

Un conto de Musicreques para contar e para cantar

Xa temos un conto novo en Youtube!

"A lanchiña do flamenco" é un conto para contar do 1 ao 10 no que as crianzas poderán ademais coñecer un montón de animas da selva e cantar o pegadizo estribillo.

Por mor da chuvia a selva está chea de auga e hai moitos animais en problemas, mais o flamenco ten unha lanchiña e vai ao seu rescate. Serán demasiados animais para esa lanchiña o caberán todos? Teredes que ver o conto ata o final para saber se son quen de chegar a terra firme sans e salvos.


Esperamos que vos guste!


Un novo conto para cantar e bailar

Onte subimos ás nosas redes sociais un novo video para que a rapazada pase entretida o confinamento. Esta vez foi a quenda do conto de "Ramona, a mosca lambona". 

Neste divertido conto, no que a mosca Ramona come sen parar durante toda a semana moitas cousas non moi saudables, os rapaciños poden cantar e bailar connosco, ademais de rir coas cousas que fai Ramona e descubrir o sorprendente (ou non tan sorprendente) final....

Non deixedes de velo, cantalo e bailalo... e, se vos gusta, compartilo cos vosos amigos!


E se non queres perder ningunha das nosas novidades...

Novos videos de Musicreques

Tal e como vos adiantabamos estes días, xa hai novos videos nas nosas contas de FacebookInstagram, e Youtube. Unha canción, un contacontos con música e unha escena co monicreque da bruxa Baba Iaga.

O primero video que colgamos foi o de a Canción do pitiño. Subímolo polo día da poesía e fala de galos, galiñas e pitiños amarelos. Fixémos a canción estes días pensando en todos ese pitiños que teñen que quedar na casa por mor do coronavirus. O estribillo vai no video para que vos sexa máis doado cantalo, mais se queredes ver a letra completa do poema deixámola a continuación: 

Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo 
que non vas estar soíño.

No poleiro está o galo 
de vistosa cresta vermella,
dous agudos espolóns 
e andares fachendosos,
que vixía o galiñeiro 
e o defende dos raposos.

Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo 
que non vas estar soíño.

xunto ao galo, a galiña, 
de tamaño máis pequeno 
e de plumas de cor ouro, 
quen sentando quenta o niño
e un ovo, que é un tesouro,
porque dentro está o pitiño.

Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo 
que non vas estar soíño.

E os pitiños amarelos
que andan a buscar o millo, 
comen vermes é miñocas
e mentras o galo canta...
KIKIRIKÍ!!...🎶🎶🎶🎶
amolan ás galiñas chocas.

Pitiño! Pitiño! Queda calmo no niño
descansa e non teñas medo
que non vas estar soíño!

Outro video que poderes ver é o do conto musicado A galiña Carmiña. Un dos contos incluídos no espectáculo Contacontos Musicais que levamos representando dende o ano 2017 pola Comunidade Autónoma de Galicia. 

Este sinxelo conto está pensado especialmente para bebés e nenos de 3 a 6 anos, mais gusta a pequenos e maiores pola historia que conta, o uso dos monicreques e o emprego de música de piano (habitualmente en directo) para dar a atmósfera axeitada a cada escena. A peza que se escoita na maior parte do conto e a Gymnopedie nº 1 de Erik Satie.

E para rematar, hoxe colgamos a adaptación a estes tempos de confinamento polo coronavirus do video da bruxa Baba Iaga (que fixéramos polo Samaín). A simpática bruxa manda unha mensaxe aos rapaciños que esperamos que lles divirta e entreteña.

Por hoxe nada máis. Moito ánimo a todos, que xa queda un día menos e xuntos o conseguiremos!!

Seguídenos nas redes!